Presentación

O Convenio Europeo da Paisaxe, asinado no Palazzo Vecchio de Florencia o 20 de outubro do 2000 por iniciativa do Consello de Europa e ratificado por un elevado número de estados europeos, entre eles o español, recoñecía expresamente que «a paisaxe é un elemento importante da calidade de vida das poboacións, tanto no medio urbano coma no rural, tanto nos territorios degradados coma nos de gran calidade, tanto nos espazos senlleiros coma nos cotiáns». A paisaxe, concluía o Convenio, «constitúe un elemento esencial do benestar individual e social».

Dende aquela resoan indiscutibles estas palabras, reiteradas ininterrompidamente en tantas outras sucesivas definicións do seu valor. Abondarían para xustificar a necesidade dun congreso dedicado á paisaxe e aos seus proxectos modernos, como este décimo terceiro que convoca a Fundación Docomomo Ibérico. Pero aínda cobran máis relevancia evocadas en Galicia, un país antigo e con memoria, onde a realidade espacial e formal do territorio amosa características de enorme singularidade.

Por iso, dende Galicia —organizado pola Fundación Docomomo Ibérico, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia— propoñemos como tema do XIII Congreso Docomomo Ibérico o representado polo seu título A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975.

Foi no litoral —tanto coma na montaña, alá onde as paisaxes se tornaban máis esixentes e reclamaban maior atención— onde se relativizaba e diluía a expresa crítica que Il territorio dell’architettura, o terceiro gran libro do ano 1966, lle dirixiu ao movemento moderno ao considerar que a súa utilización da natureza e a paisaxe era un mero fondo perspectivo para os seus abstractos obxectos. Era no litoral onde tantas arquitecturas —fieis á eficaz exaltación do paquebote como unha das iconas da modernidade— abordaban un diálogo coa súa particular paisaxe que, as máis das veces, contradicía a autoritaria imposición criticada por Vittorio Gregotti.

Encabezadas emblematicamente polos clubs náuticos, aínda que en diverso grao, as arquitecturas dos estaleiros, os portos, as lonxas, as naves portuarias, as factorías, os balnearios, as praias, as fachadas marítimas, os poboados de pescadores, as vivendas colectivas e unifamiliares… pretenderon establecer un atento diálogo entre a linguaxe exhibida polo seu racionalista funcionamento e a característica paisaxe que sempre mantivo o contacto entre a terra e o mar.
O ámbito ibérico —con 1500 quilómetros de costa en Galicia, 930 cantábricos, 1600 nas illas Canarias e 830 en Portugal—prové abundantes casos de estudo que permitirán cartografar, nunca mellor dito, todo o que supuxo neles a modernidade arquitectónica.

Secretaría técnica: OCÉANO AZUL COMUNICACIÓN

Email

oceano@docomomoiberico2025.com

Teléfono

(+34) 981 90 90 12

Síguenos nas redes!

LOPD

Política de privacidade

DIFUSIÓN CONGRESO

Cartel vectorial

Créditos fotografías

Familia de Ramón Vázquez Molezún
Fundación Docomomo Ibérico
Fondo gráfico IAPH/Plácido González
La Nueva España
José Hevia
Lluís Casals
María Luisa González García
Mar Martínez Díez
Susana Landrove
Luis Argüelles
Joaquín Michavila
Víctor Muñoz Macián