Temas

Os temas aos que deberán acollerse as propostas de comunicación son os que se indican deseguido.

Las dinámicas sociales y económicas de la arquitectura costera moderna

No século XX, a arquitectura costeira evolucionou á par da transformación radical da industria, a democratización do turismo e o xurdimento de sistemas financeiros complexos.

Como escribiu W.G. Sebald en The Rings of Saturn (1995), as paisaxes costeiras son testemuño de capas de mudanzas históricas e económicas. As cidades costeiras que el menciona atravesaban un período de decadencia, tendo abandonados os vestixios de industrias anteriormente prósperas. A evolución da arquitectura costeira ao longo do século XX recolleu estas fondas transformacións sociais, industriais e financeiras.

Máis recentemente, e de forma excesiva ás veces, fomos testemuñas das consecuencias de todas estas transformacións. En áreas onde algunha vez houbo portos decadentes ou terreos industriais contaminados, xurdiron despois proxectos financeiramente ambiciosos, coma nas ribeiras dos ríos das grandes cidades costeiras. Estes proxectos tornaron as paisaxes construídas en palimpsestos, revelando a convivencia de elementos do pasado con proxectos contemporáneos, así como a propia historia do territorio.

Esta sesión acollerá presentacións sobre estes procesos de transformación centrándose na relación entre o declive industrial, a rexeneración urbana e a integración de novas tecnoloxías nas cambiantes paisaxes costeiras. Tamén convidará a empregar diversos enfoques metodolóxicos na historia da arquitectura, dende exploracións poéticas de narrativas sebaldianas ata marcos interdisciplinares que abrangan historias sociais e económicas.

Palabras clave: industria, turismo, viaxe, litoral, arquitectura do Movemento Moderno.

Territorio e paisaxes marítimas modernas

A Arquitectura, lida de modo conxunto e nunha escala territorial, configura a paisaxe urbana e rural, entendidas como realidade habitada, integral e continua. A Planificación Urbanística e a Ordenación do Territorio, a través das súas ferramentas específicas, os plans e a zonificación, constituíron mecanismos de intervención e proxecto que operaron nas escalas superiores de actuación no territorio para a súa formalización, aplicando os principios da Modernidade recollidos na Carta de Atenas e que inspiraron as distintas lexislacións territoriais ibéricas.

Esta lectura, que amplía o foco alén do obxecto arquitectónico e que o contextualiza, entendéndoo como parte dun proxecto conxunto urbano e territorial, é especialmente relevante na marxe litoral. As comunicacións deste tema deberán ocuparse daqueles obxectos arquitectónicos e dos seus agregados que cobraron novo significado ao se integrar nunha visión territorial, de grande escala, en continuidade coa paisaxe e imbricados no medio no que se inseriron.

Palabras clave: territorio, urbanismo, paisaxe, litoral, arquitectura do Movemento Moderno.

O mar como tema da modernidade: lecer, deporte e natureza

Cando as vacacións se democratizaron no século XX, o mar engadiu á súa dimensión utilitaria as de contemplación e pracer vivencial, convertendo a costa nun territorio privilexiado para a cultura do lecer que emerxía nese momento.

Este cambio de perspectiva e a consecuente intensificación da colonización humana da fachada marítima producíronse simultaneamente á afirmación do Movemento Moderno, revelándose en termos ideolóxicos, urbanísticos e arquitectónicos como un fértil e inexplorado campo de probas. O deseño de paseos marítimos a escala urbana resultou ser un momento de especial condensación arquitectónica, que se definiu como espazo de representación da cidade e escenario de exhibición social.

Tremendamente atractivo para numerosas tipoloxías (como clubs náuticos, hoteis, sanatorios, vilas, restaurantes e cafés, piscinas, miradoiros…), a descuberta do mar puxo de relevo o programa internacional do proxecto moderno.

Baixo o signo da fronte do mar, as comunicacións deste tema abordarán a creación e a revisión espacial das múltiples arquitecturas que lle son comúns.

Palabras clave: deporte, lecer, recreo, paseo marítimo, arquitectura do Movemento Moderno.

Forma e significado das arquitecturas do mar na modernidade

As arquitecturas marítimas da modernidade recollen, con especial claridade, os referentes semánticos destes edificios, desbordando a súa natureza abstracta e ahistórica. Algunhas destas fontes de novos significados son a máquina como referente estético, especialmente os novos transatlánticos; a arquitectura popular da costa mediterránea, coas súas cubertas planas e os seus volumes brancos, e a presenza do horizonte marítimo, que subliña a composición horizontal e impulsa o uso de superficies vidradas para incorporar a súa presenza ao espazo construído.

Nesta aproximación á forma e significado das arquitecturas marítimas da modernidade, podemos recoñecer unha oposición dialéctica entre o Mediterráneo e o Atlántico a través dunha serie de trazos compositivos que vencellan a modernidade ortodoxa coa tradición clásica (e, xa que logo, mediterránea), namentres que as transgresións e heterodoxias modernas responden, con frecuencia, a unha raíz atlántica. As comunicacións deste tema deberán atender a toda unha serie de dualidades compositivas como: cuberta plana/cuberta inclinada; livián/pesado; suave/rugoso; soporte/muro; abstracto/figurativo… manifestacións desta oposición dialéctica que se deixa ver con especial claridade nas arquitecturas marítimas modernas.

Palabras clave: océano Atlántico, mar Mediterráneo, Genius Loci, litoral, arquitectura do Movemento Moderno.

Secretaría técnica: OCÉANO AZUL COMUNICACIÓN

Email

oceano@docomomoiberico2025.com

Teléfono

(+34) 981 90 90 12

Síguenos nas redes!

LOPD

Política de privacidade

DIFUSIÓN CONGRESO
· Cartel vectorial
· Flyer

Créditos fotografías

Familia de Ramón Vázquez Molezún
Fundación Docomomo Ibérico
Fondo gráfico IAPH/Plácido González
La Nueva España
José Hevia
Lluís Casals
María Luisa González García
Mar Martínez Díez
Susana Landrove
Luis Argüelles
Joaquín Michavila
Víctor Muñoz Macián